Nacho Taibo: “Oleiros: o vento mareiro empapoume nesta miña lingua de mareas”

Na miña experiencia como profesor fóra da Galiza, téñome marabillado máis dunha vez perante a presenza de alumnado ávido de aprender máis sobre a nosa cultura.

Alumnado curioso, do que me lembro sempre con saudade e amizade, de Universidades da China, do Brasil, de Irlanda ou da Estremadura. Precisamente aquí, nesta última, lembro unha das miñas primeiras experiencias docentes dos primeiros días de aulas.

Para avaliar as nocións básicas sobre o que sabían de nós, pregunteilles antes de comezar se eran quen de nomearen 5 ríos da Galiza. Despois 5 cidades. 5 filmes. 5 bandas de música. 5 actores ou actrices…

Entre uns e outros ían máis ou menos completando estes obxectivos sinxelos, até que preguntei 5 escritores ou escritoras.

Silencio.

Ben é sabido que a Universidade é un proceso longo que exixe esforzo e, así, moito do alumnado xustificou que tiña pouco tempo para ler.

E pode ser, certamente.

Porén, resolvín preguntar por 5 autores ou autoras da súa terra. O seu propio silencio esmagounos perante unha impotencia que, sen dúbida, merecería unha análise máis fonda. Tocaría falar de canon, de centro e de periferia, pero tampouco esta vai ser a ocasión.

Coñecermos a quen construiu e a quen constrúe, para que mañá siga habendo mil mañás.

Nós, neste IES Neira Vilas que porta nome de egrexio escritor, pasamos cada día por diante da aula 26: A aula do profesor e escritor Nacho Taibo, espazo desde o que proferiu ensino e sabiduría a varias xeracións de estudantes.

2018052323015877884

Nacho Taibo. Escritor na súa terra

Quen o coñece fala del con agarimo: compañeiras como as profesoras Imma Otero ou Ana Crego. O alumnado que chega pregunta se imos ler algo del. Hai curiosidade por saber deste home que mollou as mans nesta ría e que pisou, e pisa, onde nós tamén pisamos.

Por iso, para comezar este curso, uns seus versos que deixan na boca un sabor a Oleiros:

AQUÍ
fuxido dun desterro
nas estivais mañás bretemosas
perdín a sombra moza impresa no sal
aquí
as Mariñas, vértice onde rotan os dous mares
beiras infinitas de Galiza
un meu Brasil encrucilla Irlanda de brumas Ortegais
aquí
acolledor pequeno mundo enorme
Oleiros
o vento mareiro empapoume nesta miña lingua de mareas.

A sombra aquí permanece       no sal do meu outono

Nacho Taibo

 

Sabes ti dicir 5 escritores ou escritoras que sexan -ou que fosen- veciños desta comarca?

E de Nacho Taibo, que máis sabes? Sabes onde están situados o carballo e mailo monolito postos no seu honor?

Se procuras na rede, encontrarás moreas de curiosidades. E, por iso, porque nunca foi máis doado aprender, tócache a ti mover ficha.

Queda aquí, fechando esta entrada, unha nota autobiográfica deste insigne autor. Unha nota, dicía, deste home galardonado con inúmeras distincións, como o premio da crítica española ou o premio Carvalho Calero. Deste escritor, do que dicimos agora, con orgullo, tan presente para todas e todos nós:

Se agora mesmo me apagase, o meu balanzo sería positivo. Erros cometín moitos, perdín tempo abondo, mais só me arrepinto de facer mal a algunhas persoas, entendo que poucas: ás máis inconscientemente, a algunha porque non souben evitalo. Cartos non debo a ninguén, uns cantos débenmos a min. Na creación literaria fixen, como todos os que escriben, o mellor que souben, que non é dicir nada nin asegura resultado ningún. Tamén creei o que me deu a gana. Tal vez nos últimos tempos —¡decenios!— me deixei demasiado influír por lecturas, críticos (auto-cualificados) e técnicas canónicas, e prométome non facelo máis. Lembro frecuentemente o que Patiño me dicía da súa pintura, sen dúbida difícil aos leigos: cando eu morra xa verás o que falan de min.

Un exceso de hobbies impídeme enfastiar, teño moito por ler, por ver e por internectar, e quen me gratifica o traballo son os ex-alumnos meus. De quen máis me gabo é dos meus fillos.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s