Os galegos da galega

A televisión é unha peza fundamental na representación da realidade.

Segundo o máis recente informe de Barlovento Comunicación sobre consumo televisivo (2017), os habitantes do Estado español consumen unha media de 4 horas diarias. Da outra banda, o Ministerio de Educación fai públicos os datos dun estudo no que se explica que un 40,2% da poboación non le nunca ou le apenas por razóns de traballo.

Entón, será preciso analizarmos a calidade dos produtos ofrecidos no soporte audiovisual para coñecermos o modelo formativo que transmiten.

Que oferta televisiva consumimos?

Na súa meirande parte as canles televisivas apostan por un modelo baseado en contidos de ocio. Por iso, e por irmos fechando o círculo, en tempos nos que o humor está a ser revisitado analizando os prexuízos que poida conter, centrarémonos na proposta que nos ofrece a TVG:

Era visto, Land Rober Tunai Show, Malo será e seccións de humor en programas como Luar etc. No imaxinario máis recente: A casa da conexa ou Os tonechos.

tonechos_12.jpg

Os tonechos ofrecían frecuentes mostras de embrutecemento e violencia no seo familiar, con finalidade humorística

De todos eles, o máis seguido e con maiores datos de audiencia, con seguidores de cada punta do país e maior capacidade de influencia social é: Land Rober.

Cada noite de emisión, 45.000 persoas agardan a seren chamadas para poder ver o programa desde o ‘plató 1000‘ da TVG.

Datos abondo, como para que a sociolingüística e a psicoloxía social queiran ocuparse da análise imagolóxica deste espazo televisivo.

  • Hai un léxico ou rexistro determinado?
  • Reprodúcense estereotipos?
  • Ten algún poder de influencia social na construción de imagotipos colectivos?

Captura de pantalla 2018-09-28 a las 12.27.01.png

As vellas do Luar. Representación estereotipada da terceira idade do rural galego

Vaia por diante, antes de máis, que quen escribe estas liñas non cuestiona nin os gustos nin as preferencias de cadaquén. Con todo, debera ser traballo de cada profesor contribuir para a consecución dunha cidadanía crítica e consciente.

Dito doutra forma, e por cambiar de xénero, exemplifico con música: Estamos fartas de que nos falen de que o reggaeton ou o trap non son música e do carácter patriarcal das súas letras. Deixando fóra a cuestión paternalista sobre os gustos, o modelo debera ser invertido: Escoita o que queiras, mais procura ser consciente e crítico co que escoitas.

O caso de Land Rober é o mesmo. Se ris cando o ves, cousa túa, máis repara conscientemente no que consumes.

A nivel lingüístico o programa presenta un modelo paupérrimo baseado no rexistro vulgar. Pobreza léxica, uso incorrecto da lingua, contaminación da lingua de poder (castelanismos) e emprego de elementos lingüísticos rudimentarios.

Non pasa nada. É humor. Se fose apenas iso, tal vez non acontecese nada.

Neste fragmento que deixamos aquí en forma de vídeo aparecen os ‘xubilados’, protagonistas dalgúns dos sketches máis populares do programa.

Moito daría para comentar o tratamento dado ao home negro que, sen ningún tipo de diálogo e presentado apenas como un obxecto, aparece neste vídeo. Un modelo de humor que xa coñecíamos de espazos que non soportaron ben o paso do tempo como ‘Noche de fiesta‘ de TVE.

Porén, centrémonos na parella. Novamente rural, embrutecida e inculta. O único modelo, ofensivo e estereotipado, que se presenta do rural galego desde o humor. A propia Galiza aparece tradicionalmente como unha realidade rural, e así, nunha regra de tres: Galiza = Rural = Embrutecida e inculta.

Podería semellar unha simplificación, a non ser polo autodescubrimento do prexuízo que temos achado nas aulas.

Outra ocasión na que a comparativa co modelo catalán nos funciona: Se este programa fose feito na Cataluña, sería esta a súa auto-representación?

1447355058_091136_29421800_fotograma_7.jpg

Sirva, por popular, o estereotípico filme ‘8 apellidos catalanes‘:

Nel, Berto Romero –á dereita da imaxe– representa un modelo de catalán urbano, de percorrido internacional, culto e de clase alta. Dedica agora apenas uns segundos para imaxinar cal podería ser a representación galega estereotipada nun hipotético ‘8 apelidos galegos’.

Doe? Divirte?

Tocoulle hoxe, por popular, a Land Rober, como pode tocarlle mañá aos informativos. Non pretende ser isto unha caza de bruxas contra ninguén. De feito, noutra entrada habemos analizar a proxección da imaxe galega na televisión española, así como na prensa escrita.

Entretanto, fagámonos conscientes de como afecta a representación colectiva dunha identidade na nos propia autoimaxe como membros dun grupo social.

Seguiremos falando disto, con outros exemplos, nas aulas.

 

7 comentarios en “Os galegos da galega

  1. Sempre presta ler ben escrito aquilo que un pensa e non é capaz de expresar. Pouco máis podo engadir entón. Só, a conto do o tratamento do home negro do sketch, venme á cabeza outro exemplo ao meu ver aínda máis bruteián: o da muller en “Un morto moi vivo”

    No dormitorio matrimonial, a muller le unha revista de moda e o home fala da fabada que fixo a sogra. Apagan a luz e preséntase a morte, que o vén levar a el. Pero, como se saberá ao final, é a dona quen morreu. Entremedias, o home, a suxerencia da morte, como ve que el aínda non faleceu, “bótalle un foguete” á parella (que xa está morta). É “un morto mo vivo” que nos di coincidindo coa baixada do telón: “atopeina fría e distante coma sempre”.

    No mesmo video non podía faltar un castelanismo “total”, neste caso foi: “non me vou andar polas ramas”.

    Gústame

  2. Rama non é un castelanismo. É tal galega coma póla.
    É incríbel que teñamos unha televisión pública dun nivel tan pobre.
    Moi boa analise no artigo. Parabéns

    Gústame

    1. Claro que non é un castelanismo rama, pero si: “non ve vou andar polas ramas”. É unha tradución literal da frase feita en castelán de tod/s coñecida . En galego, falando ben diriamos “non che vou andar con voltas”.

      Gústame

  3. Existen tamen outra imaxe moi popular dos galegos: a nosa querencia a todo aquilo que sexa festa rachada e se vai regada con alcohol, mellor que mellor. Somos o pais do botellon sen limite, das horas de desmadre, do furanchismo social, do clásico “si chove, que chova”. dos oitenta para acá, preocupamonos de entender que a liberdade se vivía nas ruas a base de botellón. Papá bebía de novo, eu tamen o fago, a ver quen me prohibe a min. Alcohol o alcance de todos. En cantidad e a prezo. Da moita pena ver, no meu entender, como se rin de nos campañas como as de GADIS, pero tamen da pena ver como a xente perpetúa estes comportamentos de eternos galegos sen complexos. O final é o que buscamos, ser aquilo que nos identifica e no que nos sentimos seguros. Por iso, a xente non só se emboba vendo luar, land rober ou a orquesta Paris de Noia, Olimpus, etc….tamen se emboba nunha bodega, nunha exaltación de augardente ou nunha romeria milagreira. Todo forma parte desa identidade. ¿Ou acaso pensades que van convertir isto nun país nórdico ou nunha nova Suiza coas novas tecnoloxias interactuando coas nosas ideas? O galego se la sopla o que pase fora das suas fronteiras. Deberiades ver ou saber como pensa moita xuventude, tanto do rural como da cidade. Por desgracia, van seguir dándose moitos luar e moitos land rober durante moitos anos.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s